DUVI | Hai catros anos no congreso internacional da European Geophysical Union que tivo lugar en Ourense, organizado polos docentes e investigadores do campus de Ourense Luis Gimeno e Raquel Nieto, e no que participaron practicamente todos e todas as científicas destacadas no transporte da humidade na atmosfera, evidenciouse a necesidade de traballar como prioridade no tempo de residencia do vapor de auga na atmosfera. “É un compoñente fundamental no coñecemento do ciclo hidrolóxico, e é un indicador esencial de como o ciclo hidrolóxico se ve alterado por procesos dinámicos e termodinámicos relacionados co cambio climático”, explica o catedrático do Departamento de Física Aplicada da UVigo Luis Gimeno, que xunto a Raquel Nieto lidera o artigo The residence time of water vapour in the atmosphere(O tempo de residencia do vapor de auga na atmosfera) que hoxe publica a revista Nature Reviews Earth and Enviroment (NREE). “Os investigadores que participamos en outubro de 2016 no congreso internacional traballamos desde entón independentemente nos seus grupos e tras catro anos Nature decide que o tema é moi relevante para o cambio climático e invitounos”, aclara o investigador do grupo EPhysLab CIM-UVigo sobre a orixe do traballo, no que tamén participaron investigadores do ETH (Instituto Politécnico de Zurich), a Universidade de Illinois en USA, a Universidade De Costa Rica, a Universidade Técnica de DElf nos Países Baixos e a Universidade de Bergen en Noruega, ademais do docente do Centro Universitario da Defensa en Marín e investigador asociado de EPhysLab Jorge Eiras-Barca.