DUVI | Unha das problemáticas derivadas da realización dunha mastectomía ás mulleres afectadas por un cancro de mama é a aparición do linfedema, a inchazón do brazo afectado pola extracción dos ganglios linfáticos, que deriva nunha diminución de mobilidade, dor, sensación de pesadez ou falta de sensibilidade no membro afectado. Fronte a esta patoloxía, a realización dunha drenaxe linfática manual por parte das e os fisioterapeutas tense amosado como un tratamento eficaz á hora de reducir a acumulación de linfa que provoca esta inchazón e as problemáticas que desta derivan. Comprobar a efectividade de manter no tempo este tratamento, nunha fase de mantemento do linfedema, é o obxectivo do estudo que investigadoras do grupo FS1 da Facultade de Fisioterapia desenvolven nestes meses en colaboración coa Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa Crónica e outras patoloxías vasculares periféricas (Agl).