Preto de 30.000 xuvenís de ourizo repoboan por vez primeira unha zona da costa de Cangas do Morrazo

Detalle dos ourizos repoboados

DUVI | Cunha media de capturas dunhas 600 toneladas anuais e máis de cinco millóns de euros en vendas durante o ano 2020, Galicia é, na actualidade, a maior rexión de Europa en produción de ourizo de mar. Francia, Alemaña e Bélxica son os principais países aos que se exportan os ourizos que se colleitan en Galicia, onde desde finais do ano 2019 o persoal do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo) lidera o proxecto Ocimer, Optimización do cultivo integral e a metodoloxía de repoboación do ourizo de mar Paracentrotus lividus, financiado polo programa Pleamar da Fundación Biodiversidade con preto de 150.000 euros.