O Centro de Investigación e Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, abrirá as súas portas ao publico xeral a finais do mes de novembro co obxecto de achegar á sociedade o coñecemento xerado no centro e visibilizar o potencial da institución viguesa para facer fronte a grandes retos globais a través da tecnoloxía. Nesta xornada de portas abertas, o centro de referencia internacional no eido das tecnoloxías de telecomunicación e servizos dixitais ofrecerá visitas guiadas as súas instalacións, obradoiros e demostracións prácticas, e habilitaranse espazos de divulgación nos que investigadores e investigadoras de recoñecido prestixio presentarán os seus proxectos de referencia e resultados de investigación.
Coma vén sendo habitual, nesta xornada anual presentaranse algunha das liñas e proxectos de investigación máis representativos en eidos tan diversos como as comunicacións 5G, a intelixencia artificial, a ciberseguridade, a saúde dixital, as tecnoloxías aeroespaciais, etc.