A Universidade abre unha xanela ao futuro participando na posta en marcha dunha rede 5G ultraavanzada única en Europa

O robot no seu percorrido polo campus

DUVI | A Universidade de Vigo, como responsable do Laboratorio 5G e centro de investigación de referencia nestas cuestións, acolleu este xoves a presentación de resultados da primeira proba piloto que se realizou en Galicia, e das primeiras que se fixeron a nivel mundial, de Network Slicing 5G, unha tecnoloxía ultraavanzada que permitirá xerar novos servizos e avanzar na transformación dixital da sociedade. O consorcio encargado de pór en marcha o proxecto, integrado polo Grupo de Tecnoloxías de Información da Universidade de Vigo e as empresas Telefónica, Securitas, Alisys, ZTE e Cisco, presentaron este xoves os principais resultados deste proxecto, un traballo co que se conseguiu despregar e implantar a primeira rede europea 5G SA, unha “rede virtual” que ofrece servizos que van moito máis aló do que ofertan as actuais redes 5G e que permitirá nun futuro próximo a creación de redes a medida para cada tipo de cliente ou sector (industria 4.0, smart-city, emerxencias…). Neste caso a proba piloto empregou a robótica máis avanzada como complemento ás tarefas de vixilancia física dun recinto: o propio campus universitario de Vigo.