DUVI | A clasificación Highly Cited Researchers, feita pública este martes, sitúa dous investigadores da Universidade de Vigo entre os máis citados do mundo en 2021: Francisco J. Barba e Jianbo Xiao. Esta clasificación, elaborada por Clarivate, inclúe 6600 expertos e expertas de 70 países que “demostran unha influencia significativa no seu campo ou campos de investigación elixidos a través da publicación de múltiples artigos altamente citados durante a última década”, como explican dende a organización. Os nomes das investigadoras e investigadores altamente citados son extraídos das publicacións que ocupan o 1 % superior por citas por campo e ano de publicación no índice de citas de Web of Science. No caso dos dous científicos da UVigo, ambos traballan no ámbito da ciencia e tecnoloxía dos alimentos e aparecen incluídos neste listado internacional no ámbito das Ciencias da Agricultura.
Os investigadores da UVigo Jianbo Xiao e Francisco J. Barba, entre os máis citados do mundo en 2021
