O grupo Ephyslab desenvolve un sistema de alerta temperá de inundacións

sistema de alerta temperá Miño Flood Alert System (Midas)

DUVI | Despois de catro anos de traballo, o proxecto transfronteirizo Risc Miño-Limia chega ao seu fin facendo os seus socios españois e lusos un balance moi positivo dos resultados acadados. Ao seu abeiro, entre outras iniciativas, o grupo de investigación Ephyslab Environmental Physics Laboratory (CIM-UVigo) desenvolveu un sistema de alerta temperá de inundacións para a conca internacional Miño-Limia.

Este xoves pola tarde celebrouse de xeito virtual a xornada de peche da iniciativa, que naceu para mellorar a xestión e a capacidade de reacción ante as problemáticas asociadas aos fenómenos extremos, concretamente inundacións e secas, e para mitigar os seus efectos na demarcación hidrográfica internacional das concas dos ríos Miño e Limia, tendo en conta a necesaria adaptación ao cambio climático. Financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg V-A España-Portugal (Poctep), o proxecto contou cun orzamento de 2,3 millóns de euros (cunha achega de fondos europeos do 75% do total), iniciouse no verán do ano 2017 e finaliza o próximo 31 de decembro, tras ser prorrogado pola situación xerada pola covid-19. O líder da iniciativa é a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e os socios a súa homóloga lusa ARH Norte, da Agência Portuguesa do Ambiente; a Faculdade de Engenharia da Universidade do Porto e a Universidade de Vigo, cuxa participación se enmarca no proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga.