O alumnado de Química deseña un repositorio en liña de conceptos biolóxicos

Proxecto Divulgación virtual de bioloxía á sociedade

DUVI | As novas tecnoloxías permiten que a información sexa cada día moito máis accesible para todo tipo de públicos. Para aproveitar esta accesibilidade, Miguel Arenas, profesor da Facultade de Química da Universidade de Vigo decidiu poñer en marcha o proxecto Divulgación virtual de bioloxía á sociedade, unha iniciativa destinada a difundir entre a cidadanía os coñecementos que o alumnado adquire na súa materia a través dunha páxina web. Para isto, o docente emprega nas súas horas de clase a metodoloxía de aprendizaxe-servizo (ApS), unha estratexia que, como explica Arenas, “resulta motivadora para o estudantado, xa que se senten útiles ao achegar beneficios á sociedade”. En definitiva, trátase de que o alumnado aprenda ao tempo que realiza un servizo á comunidade, algo que o docente considera “amplamente positivo e recomendable” fronte a un sistema educativo no que non é usual a aplicación dos contidos que se ensinan.