DUVI | O salmón é unha das especies máis importantes da produción piscícola mundial e cada ano prodúcense arredor de 2,5 millóns de toneladas deste peixe en piscifactorías de todo o mundo. O seu alto valor económico e comercial fixo que sexa obxecto de numerosos estudos xenéticos, os máis extensos, realizados sobre poboacións do norte de Europa e América e, en menor medida, en poboacións da península ibérica. As últimas centran a tese de doutoramento de María Gabián, dirixida por Paloma Morán e Antonio Carvajal e realizada no marco do programa de doutoramento Metodoloxía e Aplicacións en Ciencias da Vida. A investigadora explica que existen moitos menos estudos sobre o salmón da península ibérica porque estas poboacións do sur de Europa diminuíron drasticamente pola sobrepesca dende a década de 1980, chegando incluso a desaparecer en moitos ríos de España. Ademais, puntualiza, “os salmóns do norte son de maior tamaño, o que é beneficioso para a súa produción a grande escala, e cando unha especie resulta beneficiosa para un país, invístese máis no seu estudo”.