DUVI | Aínda que existe unha “similitude xeneralizada nas connotacións semánticas” asociadas ás verbas refuxiado e migrante, a elección dun ou outro termo reflicte “importantes variacións discursivas” relacionadas coa “inclusión ou exclusión” destas persoas no “campo da solidariedade”. Esta é unha das principais conclusións da tese de doutoramento de Miguel Sousa, quen realizou unha análise crítica da “construción discursiva” que dous xornais portugueses e outros dous ingleses realizaron da crise migratoria, provocada pola guerra en Siria, nos anos 2015 e 2016. Partindo destas dúas “palabras chave”, a análise de preto de 600 artigos permitiu a Sousa Santos constatar como o termo refuxiados se asocia á “noción de responsabilidade e ao deber de axudar e acoller aos que foxen da guerra e da persecución”, mentres que a verba migrante úsase para pór o foco no tránsito de persoas, en noticias nas que as motivacións do seu desprazamento “adoitan pasarse por alto”.