O proxecto Encorat propón a xestión temporal das pesquerías de enmalle para protexer os corvos mariños cristados

Proxecto Encorat

DUVI | O corvo mariño cristado é unha ave mariña ameazada que nos últimos anos ten sufrido unha importante regresión en toda España debido á sobrepesca das súas especies presa, á contaminación por hidrocarburos e, segundo varios estudos previos do Grupo de Ecoloxía Animal do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, á mortalidade accidental nas artes de pesca de enmalle. Precisamente para atallar este último aspecto, a comezos deste ano botou a andar o proxecto Encorat, Acciones para reducir la mortalidad accidental del Cormorán moñudo (Phalacrocorax aristotelis) en artes de pesca de enmalle en la Demarcación Marina Noratlántica. O grupo de investigación vigués, coa colaboración do Departamento de Bioloxía de Organismos e Sistemas da Universidade de Oviedo e o financiamento da Fundación Biodiversidad a través do programa Pleamar, centrouse, por unha banda, en avaliar a efectividade dun prototipo de dispositivos luminosos tipo LED instalado nas redes de enmalle para evitar os accidentes e, por outra, en realizar un estudo sobre as áreas de alimentación dos individuos e o seu solapamento coas áreas de pesca.