DUVI | Entre os anos 2003 e 2019, o médico Fernando Pinto Blanco visitou etnias de 17 países de catro continentes para afondar na medicina tradicional indíxena. Froito dese traballo de campo realizou unha tese de doutoramento na que fai un percorrido pola ritualidade e os estados alterados de conciencia nos ritos xamánicos, en especial coa toma de enteóxenos (plantas e fungos con efectos psicoactivos). Os resultados, sinala, amosan “unha uniformidade transcultural e universal da medicina tradicional indíxena”.
A tese levou por título Ritualidade e botánica enteoxénica na medicina tradicional indíxena e foi dirixida desde a Universidade de Vigo pola profesora da Escola Universitaria de Enfermaría María Reyes Pérez e polo catedrático da Área de Botánica Francisco Javier Rodríguez Rajo. O obxectivo do estudo, indica o seu autor, foi ofrecer unha visión actual e intercultural da medicina tradicional indíxena e avaliar os cambios psicofisiolóxicos producidos despois de levar a cabo unha das súas prácticas de referencia, a toma de enteóxenos en ritos xamánicos.