Políticas e xornalistas sofren en Twitter “ataques máis persoais e virulentos” que os seus homólogos varóns

Cátedra Feminismos 4.0

DUVI | “A política e o xornalismo son profesións xeradoras de odio online, mais con diferencias salientables en canto a xénero”. Esta é unha das principais conclusións do estudo que o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán e a docente da Universidade da Coruña Teresa Piñeiro desenvolveron, xunto con investigadoras das universidades Complutense de Madrid e Oberta de Catalunya, no marco da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo. Tras constatar nun estudo anterior que políticas e xornalistas eran as profesionais máis insultadas en Twitter, este proxecto buscou afondar nas “formas de violencia machista dixital” ás que estas profesionais teñen que facer fronte no seu día a día. Con ese obxectivo, o estudo abrangueu a análise tanto dos chíos publicados ao longo dun ano, como das mencións aos perfís de 20 políticas e xornalistas e outros 20 políticos e xornalistas homes que, pola súa posición, poderían “considerarse equiparables”. Os resultados amosan como se ben, os profesionais varóns “teñen un maior impacto en Twitter, tamén negativo”, son elas as que “sofren os ataques máis persoais e máis virulentos”, á vez que padecen en maior medida os insultos destinados ao colectivo que representan.