DUVI | Segundo van cumprindo anos, diminúe o rendemento físico dos xogadores da NBA, mais o número de minutos que disputan e o seu rendemento técnico-táctico mantéñense ou mesmo increméntanse coa idade. Esta é unha das conclusións da análise que o investigador Anton Kalén realizou de máis de 3500 xogadores da principal liga de baloncesto do mundo, nun dos estudos que conforman a súa tese de doutoramento en Ciencias do Deporte, Educación Física e Actividade Física Saudable. Alén deste estudo, centrado na relación entre a idade e o rendemento no baloncesto de elite, a súa tese tiña como principal obxectivo afondar nos procesos de selección de talento no baloncesto europeo. Nese senso, a través da análise que realizou dos equipos nacionais masculinos e femininos de preto de 40 países, Kalén puido constatar como aqueles que convocan un maior número de xogadores de cada xeración nas seleccións de categorías de formación teñen logo máis éxitos deportivos cos equipos absolutos, así como comprobar como aqueles e aquelas que debutan como internacionais no seu primeiro ano nunha categoría teñen máis posibilidades de ser seleccionados de novo.