O cinema emprega a figura da bruxa para perpetuar estereotipos sexistas e a arte para combatelos

Corozas

DUVI | Representada ao longo da historia como un ser malvado, a figura da bruxa foi tamén empregada, desde unha mirada feminista, como símbolo dunha muller perseguida e capaz de rebelarse. Ambas visións atópanse presentes a día de hoxe na forma na que esta figura é abordada nos proxectos audiovisuais, como puido constatar Rebeca López Villar na investigación que levou a cabo para a súa tese de doutoramento, centrada na representación desta figura, tanto no cine e nas series de televisión, como en pezas de videoarte. A súa análise de 80 películas e series e de 34 videocreacións, realizadas entre os anos 2000 e 2019, permitiu á artista e investigadora comprobar como na industria cinematográfica estes personaxes “conservan características negativas e sexistas” e amósanse como unha figura que “dá medo, é moralizante e axuda a fixar determinados estereotipos sexistas”. Pola contra, no eido das artes plásticas, explica, a figura da bruxa emprégase cunha “maior carga política e feminista”, co propósito de “desarticular discursos sexistas”.