DUVI | Hai uns 145 millóns de anos, no tránsito do Xurásico ao Cretácico, a península ibérica presentaba un clima relativamente seco, con condicións xeneralizadas de aridez e probablemente con cambios estacionais. Non obstante, no que daquela era unha grande illa separada do resto de Europa, existían ecosistemas hidrotermais, con humidade permanente, debido ao vapor, afloramento de auga, e cunha temperatura constante ao longo do día e do ano. Un deses ecosistemas situábase na área xeográfica que na actualidade se corresponde con Las Loras, unha área situada entre as provincias de Palencia e Burgos e onde se localiza un xeoparque mundial recoñecido pola Unesco. É precisamente neste lugar onde, no ano 2021, nun afloramento de travertinos, un grupo de investigadores españois, franceses e alemás, liderados pola UVigo, identificaron, por vez primeira na Península Ibérica, a presenza de libélulas de dúas familias, ademais de flora dominada por Bennettitales e fentos, que se diferencian doutras floras da mesma idade e zona xeográfica.