Ciencia na rúa e mozas nas carreiras científicas e técnicas

Feira "A ciencia que vén ten nome de muller"

DUVI | Visualizar especies singulares de diferentes ecosistemas. Detectar manipulacións nas imaxes. Descubrir como evoluciona o cerebro e as súas neuronas. Achegarse e imitar as pinturas rupestres. Aprender cuestións relacionadas coa economía, a sociedade e o medio ambiente. Estas son só algunhas das actividades nas que ata última hora da tarde deste venres poderán participar todos os nenos e nenas, mozos e mozas, así como as súas familias, na feira científica A ciencia que vén ten nome de muller. Organizada pola Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo, con financiamento da Deputación de Pontevedra e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia y Tecnología- e a colaboración do Concello de Vigo, a feira achega a través dunha ducia de postos ubicados nunha carpa situada na praza do Berbés, o traballo que desenvolve o persoal investigador da UVigo, nomeadamente as mulleres, co obxectivo de espertar vocacións científicas, en especial entre as nenas e as mozas.