> Consulta a convocatoria completa [PDF]
Introdución
A Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) publica esta convocatoria para a participación do persoal investigador nas actividades relacionadas coa G-Night (Noite Galega das Persoas Investigadoras), un evento asociado á European Researchers’ Night.
A Noite Europea das Persoas Investigadoras é unha acción de comunicación social da ciencia promovido pola Comisión Europea dende 2005 dentro das accións Marie Skłodowska-Curie do programa Horizonte Europa. Celébrase de maneira simultánea en cidades de toda Europa e neste ano será o 30 de setembro.
A Universidade de Vigo lidera a iniciativa en Galicia, xunto con:
Universidade de Vigo
Universidade de A Coruña
Universidade de Santiago de Compostela
Centro Oceanográfico de Vigo (antes IEO, agora parte do CSIC)
Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia
CESGA, Centro de Supercomputación de Galicia
IDIS, Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela
INIBIC, Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña
SEBBM, Sociedad Española de Bioquímica y Biología Molecular
GAIN, Axencia Galega de Innovación
As cidades galegas nas que se celebrarán actividades serán Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo.
Convocatoria
A presente convocatoria propón a participación de persoal investigador e técnico da Universidade de Vigo nas actividades do 30 de setembro de 2022, data da European Researchers’ Night. Neste caso, a G-Night é un evento asociado á ERN (non financiado).
Estas accións terán múltiples formatos, que se detallarán a continuación. Os contidos poden ser de calquera ámbito de coñecemento e deben encaixar preferentemente nalgunha das misións de Horizonte Europa e nas seguintes categorías:
- Que significa investigar
- A figura da persoa investigadora (perfís das persoas investigadoras, muller e ciencia, gustos persoais, por que se escolleu a carreira investigadora… testemuñas e compartir gustos e afeccións… humanizar e achegar)
- O día a día: que fago no laboratorio/nas saídas de campo e como é a miña rutina
- De grandes ideas a feitos
- Investigación e innovación, como se fai a ciencia, como chega á industria e exemplos
- Como a ciencia impacta nas nosas vidas
- Investigando e innovando cara un mundo máis verde / Investigando e innovando para o presente e para o futuro
- Coñecendo Galicia: medio natural, ameazas e riscos, cambio climático e loita contra o mesmo, impacto na saúde do entorno (experiencias, coñecemento e presentación de proxectos)
- Innovación en todos os campos cara un mesmo obxectivo: uso eficiente dos recursos, economía limpa e circular; transportes públicos e privados máis limpos…
- Que solucións estamos aplicando xa e nos ofrece a ciencia e/ou tecnoloxía
- O papel da cidadanía: que di a ciencia que podemos facer nós (actividades de concienciación, información ao respecto, a nosa pegada de carbono, consumo responsable etc.)
- Europa e a ciencia
- Programas e colaboración entre países. Exemplos, investigadores/as Marie Curie, etc.
- Presentación de proxectos e investigación con fondos europeos
De entre as propostas recibidas farase unha selección pola Vicerreitoría de Investigación e a Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais a través da UCC+I.
Presentación de propostas e prazos
As propostas sobre as actividades recollidas na táboa da convocatoria serán enviadas a través deste formulario e a data límite de presentación de propostas é o vindeiro 29 de abril de 2022 ás 23.59h.
Formulario