DUVI | O pasado mes de novembro desenvolveuse no xacemento marroquí de Tahaddart a primeira campaña arqueolóxica internacional da Universidade de Vigo. Durante 17 días un equipo marroquí e español de ata 30 persoas interveu nese enclave co obxectivo de afondar no coñecemento deste importante xacemento dedicado á produción industrial de salgas de peixe e tamén no comercio en época romana na fachada atlántica marroquí, a antiga provincia da Mauritania Tingitana. O proxecto continúa agora co estudo do material arqueolóxico atopado nesa campaña por parte dos membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da UVigo e do Institut National des Sciences de l’Archéologie et du Patrimoine (INSAP) que levan a cabo este proxecto conxuntamente. O volume de material ronda os 10.000 fragmentos, entre cerámica, vidro, material lítico e restos orgánicos como ósos, cunchas e restos de peixe.
Un equipo hispano-marroquí estuda o material atopado na intervención arqueolóxica de Tahaddart
