Especialistas de sete países afondan nos sinais de identidade da animación xaponesa a partir de ‘Evangelion’

Anime Studies: Media-Specific Approaches to Neon Genesis Evangelion

DUVI | Estreada en 1995 e ambientada nun futuro posapocalíptico, no que humanoides biomecánicos pilotados por adolescentes combaten criaturas de orixe descoñecida, Neon Genesis Evangelion converteuse nun dos títulos de referencia do anime, a animación xaponesa, tanto polo éxito da serie como polo xeito no que esta transgrediu os canons asociados ao xénero mecha, as series niponas protagonizadas por robots. Esta combinación de factores levaron a que o grupo de investigación dx5 (digital & graphic art research), da Facultade de Belas Artes, empregase Evangelion como punto de partida para unha análise das características e especifidades do anime como medio, na que reuniron especialistas de universidades de sete países. As súas achegas reúnense en Anime Studies. Media-specific approaches to Neon Genesis Evangelion, un libro coordinado pola directora do grupo dx5, Ana Soler, e o investigador José Andrés Santiago, que constitúe un dos resultados finais do proxecto Explorando nuevos territorios gráficos desde una perspectiva transdisciplinar. Cómic de campo expandido, el hiperlibro de artista y teorías animéticas contemporáneas, desenvolvido co financiamento do Programa Estatal de Fomento da I+D+i de Excelencia.