Seis científicas referentes desvelan os ‘Desafíos do Océano’ nunha miniserie documental do Campus do Mar

DUVI | Seis investigadoras referentes en distintos ámbitos do medio mariño dan a coñecer as súas visións e traballos na miniserie documental Desafíos do Océano: científicas ao mando. Especies invasoras, plásticos mariños, erosión costeira, acidificación oceánica, eventos extremos e sostibilidade son os retos que abordan en cada un dos capítulos, de 15 minutos de duración, que xa están dispoñibles na rede.

O edificio Redeiras da Universidade de Vigo acolleu este venres a presentación pública desta miniserie documental de seis capítulos, un proxecto posto en marcha pola Universidade de Vigo a través do Campus do Mar coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación, FECYT, que achega un orzamento de 18.000 euros. O acto contou coa participación de tres das seis protagonistas deste proxecto audiovisual, que compartiron co público as súas experiencias.