Socios de sete países debaten en Vigo os mellores xeitos de traspasar á sociedade a I+D+i que se fai nas universidades

DUVI | Cursos nos que se promova o espírito empresarial, novos programas de mentorización, innovadoras liñas de apoio a start-ups… Estes son algúns dos temas nos que están a traballar os socios de HEI4 Future, un proxecto europeo financiado con 1,2 millóns de euros polo Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía, EIT, co obxectivo de deseñar novas estratexias que axuden a converter as capacidades tecnolóxicas que xorden nas institucións de ensino superior en novos produtos e servizos que contribúan ao avance da sociedade. Xunto á Universidade de Vigo, que lidera o proxecto, participan neste programa institucións de ensino superior de Dinamarca, Italia, Albania, República Checa, Portugal e, desde o pasado mes de agosto, tamén Ucraína. Este martes e mércores celebran na cidade olívica a reunión de lanzamento do proxecto, hoxe fixérono no espazo Incuvi e mañá trasladaranse ao edificio Redeiras.