O proxecto Pasos presenta un plan de acción para “abordar dende a I+D+i responsable” as necesidades, ameazas e retos do eido mariño

DUVI | Control de enfermidades, avances na fisioloxía dos organismos cultivados, estudos sobre a xestión pesqueira ou análises dos impactos do cambio climático. Son moitos os eidos nos que a ciencia e a investigación ten contribuído ao avance do sector pesqueiro, acuícola e transformador dos produtos do mar, sometido ademais, a constantes cambios e transformacións.

Neste proceso de xeración de coñecemento o Centro de Investigación Mariña (CIM) e o Centro de Investigación Interuniversitario Ecobas, da Universidade de Vigo, teñen un papel moi destacado e, conscientes da necesidade de unir forzas e establecer pontes entre os axentes sociais e económicos de Galicia, puxeron en marcha xunto con Fundamar (Fundación para a pesca e o marisqueo), o proxecto Pasos, unha iniciativa que naceu co obxectivo de desenvolver un plan de acción para promover a investigación e innovación responsable (RRI polas súas siglas en inglés) no ámbito mariño a través de entidades de economía social.