Enxeñaría Forestal estudará como incentivar os propietarios para que adapten os montes ao cambio climático

DUVI | Definir estratexias de resposta que permitan mellorar a resistencia e a capacidade de adaptación dos bosques europeos ante os efectos do cambio climático é o obxectivo central do proxecto europeo Resonate (Resilient forest value chains – enhancing resilience through natural and socio-economic responses), no que participan 20 institucións e organismos de doce países, entre os que se atopa a Universidade de Vigo.

A posta en común do traballo desenvolvido polos diferentes socios é un dos propósitos centrais da reunión anual de deste proxecto, que se desenvolve nestes días na Universidade de Agronomía de Viena (Boku). Así mesmo, no encontro definíronse novas accións a desenvolver, como o estudo sobre os incentivos a propietarios forestais para que adapten os seus traballos de silvicultura aos efectos do cambio climático, que a Escola de Enxeñaría Forestal levará a cabo xunto coa Universidade de Copenhague e a Czech University of Life Sciences.