Un investigador de atlanTTic lidera un proxecto europeo para mellorar as comunicacións por satélite empregando a fotónica

DUVI | Francisco Díaz Otero, investigador do Centro de investigación en tecnoloxías de telecomunicación da Universidade de Vigo (atlanTTIC), dirixirá nos vindeiros catro anos un proxecto europeo Marie Curie dentro do programa Horizonte Europa da UE para mellorar o funcionamento e a comunicación dos satélites empregando microondas fotónicas. MicroWave Photonic Technologies for Communications and Sensing Applications in Space (MWp4SPACE) encargarase de formar á futura xeración de especialistas en dispositivos e sistemas integrados empregando microondas fotónicas no eido aeroespacial, “o que permitirá crear unha rede de profesionais capaces de atender os retos dunha tecnoloxía como son as microondas fotónicas integradas, cunha gran demanda na industria aeroespacial”, aclara o investigador, “xa que ao estar integradas nun chip teñen menor tamaño, peso e consumen menos que o equipamento de satélite existente actualmente”.