DUVI | O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo acaba de finalizar unha nova intervención arqueolóxica na ‘cibdá’ de Armea, no concello ourensán de Allariz. Desde mediados do mes de setembro, un equipo de seis persoas estivo traballando na ampliación da zona escavada, descubrindo 300 novos metros cadrados deste xacemento de orixe romana, ocupado arredor do século I despois de Cristo e abandonado no III. A campaña realizada permitiu rematar a escavación da domus norte e descubrir, entre outros elementos, parte dunha estela funeraria posiblemente procedente da necrópole, aínda por localizar, deste asentamento.