DUVI | Simplexpaolia prokopi, Hispanopteron romerali, Corydaloides leonensis e Mischoptera bergidensis, son os catro novos xéneros de insectos do Carbonífero Superior descritos por un grupo internacional de científicos, encabezado polo investigador do Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo) Artai Santos López, que xunto ao tamén investigador do Departamento de Xeociencias mariñas e ordenación do territorio Bienvenido Diez Ferrer, conforman a representación da UVigo nun traballo, no que tamén se describen dous novos xéneros de insectos: Simplexpaolia e Hispanopteron. Todas as novas especies foron localizadas nos depósitos do Carbonífero Superior (Pensilvaniense tardío) no noroeste da península ibérica, na provincia de León, concretamente. “Teñen uns 300 millóns de anos, aproximadamente, e deste período son os insectos máis antigos da península coñecidos a día de hoxe, moito antes da aparición dos primeiros dinosauros”, explica Artai Santos, que sinala que, aínda que os primeiros bosques apareceron a finais do Devónico, o desenvolvemento e madurez destes ten lugar no Carbonífero, cando insectos e plantas eran os dous principais compoñentes dos ecosistemas terrestres.