DUVI | A comunidade científica ten abordado en múltiples estudos e proxecto o impacto que as especies exóticas invasoras teñen nos ecosistemas a diferentes niveis. O Laboratorio de Ecofisioloxía Vexetal da UVigo leva anos estudando como as plantas foráneas invaden e colonizan espazos ameazando a conservación da biodiversidade, xa que producen cambios nas propiedades físico-químicas do solo, afectan aos niveis de nutrientes e ao réxime hídrico e reducen a biodiversidade nativa. Pero ademais destes efectos, as plantas invasoras (IAPs polas súas siglas en inglés: invasive alien plants) tamén transforman as comunidades microbianas dos solos invadidos, un aspecto no que a investigadora do Laboratorio de Ecofisioloxía Vexetal Alejandra Guisande centrou a súa tese de doutoramento.