DUVI | Unha visión crítica da economía circular, entendida como a incorporación de determinadas cuestións ambientais ao actual modelo económico para garantir a súa continuidade, constitúe o punto de partida de ExPliCit (Exploring Plausible Circular Futures), un proxecto europeo do que forma parte o Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo e que ten como obxectivo analizar como este paradigma podería aplicarse en escenarios alternativos aos dunha economía de mercado global. Financiado polo programa Horizonte Europa, dentro das accións Marie Sklodowska-Curie Rise, trátase dun proxecto liderado pola Universidade de Nápoles, no que participan dez institucións académicas e entidades sociais e empresariais de España, Italia, Bélxica e Reino Unido. O seu principal propósito, como sinala o investigador do Post-Growth Innovation Lab Brais Suárez, é o de “investigar como sería a economía circular baixo outras configuracións sociais e políticas”, o que abrangue desde a análise teórica de diversos “futuros posibles” ao intento de pór en práctica algunhas das ideas xurdidas desta análise nuns casos de estudo centrados nas cadeas de subministro de produtos eléctricos e electrónicos.