DUVI | A investigadora do Grupo de Ingeniería de Organización (GIO) da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo Mar Fernández Vázquez-Noguerol acaba de ser distinguida como finalista dos premios CEL na categoría Universidad. Estes premios, outorgados polo Centro Español de Logística, teñen como obxectivo promover e impulsar a importancia da investigación e a innovación no sector loxístico para conseguir unha cadea de subministro máis eficiente e sostible. Nesta categoría entregáronse tres premios, sendo a enxeñeira viguesa a primeira finalista pola súa tese Modelado e optimización da cadea de subministro online das cadeas de supermercados. Rafael Villa, da Universidad Camilo José Cela, foi o gañador cun traballo sobre as alternativas sostibles para a loxística urbana na era do comercio electrónico centrado no sistema M4G (Metro For Goods).