DUVI | O día 3 de febreiro, o Campus Remoto da Universidade de Vigo volverá a acoller a celebración dunha nova edición de Expouniversitas. Forum de Innovación e Investigación Educativa. Esta actividade convida cada ano aos membros da comunidade universitaria, tanto alumnado como profesorado dos tres campus da Universidade de Vigo, a pór en valor os seus traballos académicos e investigadores.
O comité organizador da cita volve a estar formado por profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, concretamente por Pedro Membiela, Isabel Mociño, Ángeles Conde, Ana Iglesias, Sara Vázquez, María Lorenzo, Ángel Vázquez e Katherine Acosta. Expouniversitas, lembran as e os seus promotores, preséntase como “un punto de encontro para o intercambio de experiencias e relacións entre todos os interesados de calquera área, en calquera tipo de innovación e/ou investigación”. Difundir innovacións e investigacións e intercambiar experiencias, subliñan, “axuda a mellorar o noso coñecemento e as nosas accións”.