DUVI | Aproximarse ao coñecemento dunha realidade a través da combinación de diferentes linguaxes e perspectivas. Esta idea constituíu o punto de partida do proxecto que uniu á artista e investigadora do grupo dx5 da Facultade de Belas Artes Antía Iglesias coa enxeñeira forestal francesa Marion Boisseaux e que deu como resultado unha publicación que, a través do diálogo entre arte e ciencia, reúne información e representacións de sete especies de árbores da selva amazónica no seu primeiro ano de vida. Os resultados deste traballo conxunto, desenvolvido ao abeiro dunha estadía desta alumna do doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sustentable na Guaiana Francesa, recóllense no libro The multidimensionality of the plant. An art and ecophysiology approach to the comprehension of Amazonian tree seedlings, editado en galego e inglés polo Servizo de Publicacións da UVigo. Así mesmo, o traballo conta tamén cunha edición en francés e castelán, a cargo do Centro Nacional de Investigación Científica francés.