DUVI | Unha cidade “é un ente material, que ten as súas propias rúas e infraestruturas”, pero tamén está formada “por imaxes, asociacións, historias e experiencias”, destaca a investigadora do Post-Growth Innovation Lab Sofía Greaves, coeditora, xunto a Andrew Wallace-Hadrill da Universidade de Cambridge, dun libro que revisa esa “interacción” entre a idea de cidade a súa forma material pondo o foco nas urbes construídas na antigüidade polo Imperio Romano. Tomando como punto de partida o modelo ortogonal que a antiga Roma empregou de forma xeneralizada na construción de novas urbes, este volume afonda en como este modelo continúa ligado a día de hoxe a unha “narrativa demasiado colonialista”, que vincula a planificación urbanística grecorromana cunha idea de “urbanidade”, segundo sostén Greaves.