Un estudo do grupo EcoEvo achega os primeiros datos do descoñecido comportamento reprodutivo dunha libélula das Galápagos

DUVI A pesar de tratarse dunha especie de libélula cunha “distribución amplísima” no continente americano, ata a data “non se sabía nada do comportamento reprodutivo” da Ischnura hastata, recoñece o catedrático Adolfo Cordero, coordinador do grupo de investigación EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación). Resultado dos traballos levados a cabo nas illas Galápagos por este grupo da Escola de Enxeñaría Forestal, un artigo publicado na revista Ecological Entomology presenta os primeiros datos do “intenso conflito sexual” que caracteriza o ciclo reprodutivo desta especie, entre os que destaca o feito de que as femias aparéanse unha única vez no seu curto ciclo vital e fano nunha “ventá temporal moi curta”, no momento no que mudan a súa coloración xuvenil pola da etapa madura.