Conseguir unha investigación máis sostible e eficiente foi o principal reto que se formulou nas Xornadas da Creatividade e a Innovación 2023

ucc, Uvigo, xornadas creatividade

Onte celebramos a primeira edición das Xornadas da Creatividade e a Innovación na Casa das Campás de Pontevedra. Unha nova actividade organizada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, e que forma parte do programa anual “Ciencia de Ida e Volta”, que conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia y Tecnología.

A xornada, que se celebrou na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra e comezou ás 18:30 horas, estaba dirixida a conmemorar o Día Mundial da Creatividade e a Innovación, celebrado o pasado 21 de abril. A través de tres interesantes conferencias, púxose o foco nas fontes de financiamento europeo para o desenvolvemento de proxectos centrados na sostibilidade, no impacto ambiental da investigación e en como a innovación permite xerar alternativas a procesos ata o de agora contaminantes.

tres relatoras cun obxectivo principal: reducir o impacto ambiental da investigación

Eva Garea Oya, directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación, abriu as xornadas cun faladoiro titulado Creatividade e innovación na captación de fondos europeos para construír sociedades máis sostibles. Eva falou do traballo que se leva a cabo dende a Oficina de Proxectos Internacionais da UVigo para identificar fontes de financiamento da Unión Europea e como dende esta unidade axudan á comunidade universitaria a deseñar e levar a cabo proxectos innovadores en terceiros países que contribúan á súa sostibilidade. Tamén mostrou varios proxectos xa rematados e que se están realizando, que axudan a mellorar a calidade de vida das persoas destes países dunha forma eficiente e innovadora.

A xornada continuo cun relatorio a cargo de Carla Cameselle Llanos, do grupo de investigación en Biomasa e Desenvolvemento Sostible (BioDeSost) da UVigo, pertencente ao Cinbio. Carla presentou diferentes tecnoloxías verdes que aplican no seu grupo de investigación para reducir o impacto ambiental na investigación. A súa conferencia titulada A investigación sostible do futuro, fixo reflexionar sobre a necesidade de reducir os residuos nos procesos investigadores, a través da aplicación de técnicas máis sostibles.

Por último, Aida María Díez Sarabia, investigadora do grupo de Bioenxeñería e Procesos Sostibles (Biosuv) do Cintecx, tamén incidiu na importancia de reinventar os procesos de investigación tradicionais altamente contaminantes. A través da súa conferencia, titulada Residuos agroindustriais: unha segunda vida como absorbentes de contaminantes ou catalizadores para a xeración de combustibles, explicou como dende o seu grupo intentan sempre empregar materiais libres de metais, con base de carbono e nitróxeno, para reducir a contaminación asociada os procesos de absorción e xeración de hidróxeno.

Unha interesante xornada que acercou a investigación ao público xeral e mostrou novas técnicas e procesos que intentan reducir o impacto ambiental da investigación.