DUVI | Tras unha campaña inicial na que se está a estudar a temperatura, acidificación e falta de osíxeno no Atlántico norte, o proxecto Bocasts2 (Observación bienal del carbono, acidificación, transporte y sedimentación en el Atlántico norte) terá unha segunda fase que se iniciará en agosto e na que participarán expertos e expertas en oceanografía xeolóxica do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo. O obxectivo de seis investigadores e investigadoras do CIM, xunto con especialistas do Instituto de Ciencias do Mar de Barcelona (ICM-CSIC), Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC) e da Royal Holloway University of London, é realizar unha análise dos sedimentos da zona de fractura de Charlie-Gibbs. Concretamente , preténdese obter varias sondaxes profundas aliñadas ao longo da zona que permitan interpretar as condicións paleoceanográficas e paleoclimáticas do Atlántico norte durante as últimas decenas de miles de anos.
