DUVI | As persoas xordas enfróntanse no seu día a día con barreiras comunicativas en múltiples ámbitos que dificultan a súa plena integración como cidadáns de pleno dereito. Para a maioría dos trámites que aos oíntes lles resultan triviais as persoas xordas precisan ir acompañadas dun intérprete ou un familiar, pero isto non sempre é posible, sobre todo, cando se trata dunha emerxencia. “A atención en urxencias é un dos casos nos que, por definición, a planificación coa antelación suficiente non é posible e isto agrávase pola ausencia de intérpretes nos servizos de urxencias”, explica o catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador de atlanTTic José Luis Alba, coordinador de SignaMed, un proxecto financiado pola FECYT na modalidade de ciencia cidadá cuxo principal obxectivo consistiu no desenvolvemento colaborativo do primeiro dicionario multiplataforma, accesible vía web desde calquera dispositivo, de termos de saúde en Lingua de Signos Española, LSE.
