Investigadores do CIM-UVigo regresan á Antártida para avaliar o efecto da radiación solar e da temperatura sobre as macroalgas

DUVI | A Universidade de Vigo volve poñer rumbo á Antártida. Este domingo partiron do aeroporto de Peinador os investigadores Mariano Lastra, Jesús Souza Troncoso e Jesús López, membros do Centro de Investigación Mariña CIM-UVigo, que xunto co científico da Universidade de Cádiz, Iván Franco Rodil, compoñen o equipo do proxecto Radiant. Agardan chegar á base española Gabriel de Castilla arredor do día 14 para comezar a segunda parte deste proxecto inserido na XXXVII Campaña Antártica do Exército de Terra. Teñen por diante unha longa viaxe que inclúe un voo de 13 horas que parte na tarde de hoxe luns dende Madrid cara Santiago de Chile. Unha vez na capital chilena collerán outro avión a Punta Arenas, onde terán que facer as probas de covid para, posteriormente, como explica Mariano Lastra, “embarcar o día 11 nun voo fletado polo comité polar de Corea do Sur (KOPRI) con destino á base chilena Frei, na illa Rey Jorge, onde nos agarda o buque búlgaro Santos Cirilo y Metodio”, que transportará os científicos españois á base Juan Carlos I e despois á base Gabriel de Castilla na illa Decepción.