DUVI | Socios de seis países -España, Italia, Chipre, Macedonia, Turquía e Francia- participan esta semana en Vigo na reunión de lanzamento do proxecto europeo Up2You, un traballo dirixido a fomentar a cooperación entre as universidades, a administración pública, as empresas e a sociedade na promoción do desenvolvemento sostible e inclusivo das diferentes comunidades locais. Financiado pola Unión Europea con 400.000 euros e coordinado desde a Universidade de Vigo, a idea é pór en marcha múltiples actividades, desde cursos con formatos innovadores ata laboratorios de innovación, que apoien a colaboración a longo prazo nos sectores de educación superior e de organización da sociedade civil para a promoción dos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible, ODS.