DUVI | Co obxectivo de converter as rúas e prazas de Vigo nun laboratorio aberto a toda a cidadanía, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO) impulsou por primeira vez en 2023 CinVigo, un festival divulgativo no que se insería unha feira científica na que presentaron os seus proxectos máis de 200 alumnas e alumnos de ESO e bacharelato. Entre eles, estudantes do Colexio Montecastelo, que o pasado mes de abril lograban o galardón do público nesta feira grazas ao seu proxecto Energy Step & Energy Window. O premio, poder gozar unha estadía de varias xornadas no CINBIO, que iniciaban este mércores e que lles permitirá coñecer de primeira man o traballo desenvolvido por diferentes grupos de investigación.