Un ano máis, o alumnado do Programa universitario de maiores (PUM) da Universidade de Vigo achegou a súa experiencia e coñecemento á sociedade no ciclo de charlas “Embaixadores/as da ciencia e do coñecemento”.
Esta iniciativa, enmarcada dentro do plan anual da UCC+i “Ciencia de ida e volta”, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, permite que as alumnas e alumnos do PUM se convertan en divulgadores por un día. Para levala a cabo, organizáronse emparellamentos con persoal investigador da UVigo, de maneira que os estudantes sénior que participan contan cun mentor experto no tema a tratar. Con el/ela, traballaron tanto os contidos como a forma da conferencia que presentaron en público neste mes de xuño. A idea é achegar todo este coñecemento á sociedade en xeral, levalo fóra dos campus e poñelo a disposición da cidadanía. Para isto, apostouse por impartir estas conferencias en bares e cafeterías das cidades de Vigo, Ourense e Pontevedra.
Descifrando o láser, en Vigo
A primeira charla do ciclo celebrouse en Vigo, o día 17 de xuño no Vitruvia Café. A encargada de impartir a charla foi a alumna Regina Conde, acompañada pola súa mentora, a investigadora e docente na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, María Dolores Valdés.
Neste faladoiro o público asistente puido coñecer os fundamentos da tecnoloxía láser e ás súas aplicacións de forma moi dinámica e orixinal. Na cita tamén estivo presente Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo; e Carmen María Abreu, a coordinadora do Programa universitario de maiores.
A experiencia de crear cine na aula, en Ourense
En Ourense, a cita foi o martes 24 de xuño na cafetería El Cercano. Nesta xornada Ramón Fernández, alumno do PUM no campus de Ourense, falounos do seu filme “12 no camiño”.
Ramón sentiu o empuxón á liberdade trala xubilización, e comezou a realizar algunhas cousas que tiña pendentes. Director e guionista autodidacta, levou a cabo este filme sen case financiación, rodando cunha soa cámara en distintos enclaves galegos do Camiño de Santiago. A película está protagonizada por profesorado e alumnado do campus de Ourense, e no faladoiro participaron dous dos actores, Modesto González e Marisa Atrio, tamén alumnos do PUM.
Xuntos achegáronnos ao mundo da produción e contaron anécdotas e dificultades durante a rodaxe. Con eles tamén aprendemos que nunca é tarde para cumprir soños. O alumnado estivo acompañado pola docente Alma Gómez, coordinadora do PUM en Ourense, e por Mónica Villanueva, directora da Área de Coordinación do mesmo Campus.
E o poder da marcha nórdica en Pontevedra
Por último, pechamos este ciclo que tanto nos gusta cunha charla en Pontevedra sobre a marcha nórdica, o mércores 25 de xuño na cafetería La Gramola.
A nosa embaixadora Virtudes Domínguez traballou durante case corenta anos na docencia e tras xubilarse matriculouse no Programa universitario de maiores da UVigo. Neste programa coñeceu a marcha nórdica e agora é a fundadora da asociación MOVE Nordic Walking, instrutora de marcha nórdica, ALFA Coach de marcha nórdica, árbitra da Federación Galega de Montaña e, na actualidade, colabora coa Asociación contra o Cancro e Linfedema. A Virtudes a marcha nórdica cambioulle a vida e con ela aprendemos que esta actividade non só é beneficiosa para a nosa condición física senón que pode ser terapéutica a nivel emocional e psciolóxica. A que esperas para comezar?
Nesta dinámica e divertida xornada, Virtudes estivo acompañada por Iris Machado, coordinadora do PUM no Campus de Pontevedra.
Remata un ano máis este ciclo e o noso plan anual “Ciencia de ida e volta”, pero o diálogo non remata, porque cando o saber viaxa da experiencia á palabra e da palabra á sociedade, nace unha ciencia que emociona, conecta e permanece. Moitas grazas a todas as persoas que participaron, seguiremos traballando para que a ciencia non quede nos laboratorios, senón que circule, emocione e transforme.















