A análise filoxenética das células individuais permite coñecer como, onde e cando se produce a metástase do cancro colorrectal

DUVI | Segundo a Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM), o cancro colorrectal será o tumor máis frecuentemente diagnosticado en España en 2022 con 43.370 novos casos. Este tipo de cancro ten unha elevada letalidade, xa que en 2020 foi a segunda causa de morte por tumores (15.125 falecementos), tan só por detrás do cancro de pulmón (21.918). Ademais, a maioría dos pacientes con cancro colorrectal metastásico recaen, a pesar da resección das lesións. Estas cifras demostran a necesidade de seguir avanzando na estratexia terapéutica e ampliar os coñecementos existentes sobre esta enfermidade para poder así incrementar a esperanza de vida dos pacientes. Unha das vías de estudo é a comprensión da historia evolutiva das lesións recorrentes para identificar os patróns espaciais e temporais da progresión metastásica e expoñer os determinantes xenéticos e evolutivos da resistencia terapéutica.