DUVI | “Cada día aumenta o número de creadoras e creadores que prestan atención, desde a súa plástica, á defensa animal”, subliña a artista e investigadora Andrea Domínguez, que centrou a súa tese de doutoramento en coñecer a posición da arte contemporánea española diante dunha das “violencias máis invisibles e sistemáticas”, a exercida sobre os animais. A través da análise de preto de 170 obras realizadas nas últimas dúas décadas, a xa doutora en Creación e Investigación en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo puido concluír que, na arte actual, “en especial na producida na última década, xorde de forma cada vez máis manifesta un compromiso pola denuncia desta violencia”.