A artificialización litoral, unha ferramenta útil na xestión costeira sostible

Aida Ovejero, segunda por esquerda, cos seus directores de tese, membros do tribunal e o decano da Facultade de Ciencias do Mar

DUVI | As graves consecuencias que para a sostibilidade do ecosistema teñen as actividades e usos que se desenvolven na costa, levaron á investigadora do departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da UVigo Aida Ovejero Campos a centrar a súa tese de doutoramento no estudo da artificialización da zona costeira, así como no desenvolvemento dunha ferramenta que sirva de apoio na toma de decisións na planificación e ordenación destas áreas, favorecendo ademais unha xestión integrada. “A artificialización defínese como o incremento de superficies artificiais e este aumento implica impactos como a perda de biodiversidade, a fragmentación de hábitats, o selado do solo, a dispersión urbana, os impactos económicos derivados da perda de terreos agrícolas, ou os impactos nos ciclos da auga ou do e o carbono”, explica a autora da investigación La artificialización de la zona costera: cuantificación, caracterización y seguimiento, dirixida polos docentes e investigadores da UVigo Gonzalo Méndez e Emilio Fernández.