A ciencia ilumina a Noite Galega das Persoas Investigadoras

DUVI | Miles de pequenas caras con xesto de asombro sucedéronse hoxe no transcurso do máis dun cento de actividades de divulgación científica e tecnolóxica celebradas co gallo da Noite Galega das Persoas Investigadoras nas rúas, parques, bares e museos de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Lugo. Coordinada pola Universidade de Vigo, a G-Night volveu sacar hoxe a ciencia dos laboratorios e das aulas achegándoa a nenas e nenos e persoas adultas que, baixo o lema Conciencias creativas, sumáronse nas principais cidades galegas á Noite Europea das Persoas Investigadoras, un proxecto de divulgación científica promovido pola Comisión Europea, que se desenvolve simultaneamente en case 400 cidades europeas dende 2005.