A EE Forestal amosa as posibilidades de xerar ‘biochar’ a partires de biomasa residual

Óscar González, Luis Ortiz, Eduardo Tolosana, Érika Martínez, Juan Picos, Ángeles Cancela e Juan Castro

DUVI | Diferentes actores da cadea de valor forestal, agrícola e gandeira, entre os que se atopa a Escola de Enxeñaría Forestal, integran o grupo de innovación Biofore Plus, que este mércores celebrou no centro do campus pontevedrés a reunión de peche dun proxecto dirixido a explorar diferentes vías para dotar dun maior valor a biomasa residual procedente de masas arbóreas sen valor comercial. Coordinado pola empresa Foresin, o proxecto buscaba probar a eficacia dun cabezal acumulador de biomasa Nisula 285 e+ sobre maquinaria habitualmente empregada nos montes galegos e valorizar o produto obtido en ámbitos como o enerxético, labor no que se centrou o traballo desenvolvido no Laboratorio de Enerxías Xiloxeradas da EE Forestal. Xunto coa caracterización enerxética das diferentes biomasas, procedentes de masas afectadas por lumes, por un crecemento reducido e pola presenza de especies invasoras, os investigadores da escola constataron a posibilidade de xerar biochar a partir destes restos, un produto que podería destinarse, por exemplo, para a redución das emisións de amoníaco nos depósitos de xurros das explotacións gandeiras.