A EE Forestal participa nun proxecto dirixido a mellorar a produtividade dos minifundios

Presentación do informe

DUVI | Os cambios poboacionais e de usos do territorio vividos no medio rural nas últimas décadas teñen provocado o abandono de numerosas superficies forestais que poderían ser postas en valor. Esta problemática constitúe o punto de partida do traballo que desenvolve o grupo operativo supra autonómico Prominifun, do que forma parte a Escola de Enxeñaría Forestal e que busca promover novos modelos de xestión agrupada das propiedades, así como outra serie de “solucións innovadoras” que faciliten a revalorización produtiva dos minifundios forestais. Con esa idea, o proxecto pon o foco nas diferentes fórmulas e figuras xurídicas que permitirían fomentar a cooperación entre propietarios e abrangue o desenvolvemento de “iniciativas piloto de agrupación nunha serie de áreas de traballo en diferentes comunidades autónomas”, como explica o director da EE Forestal, Juan Picos, que foi o responsable da análise das diferentes figuras de asociación e cooperación que serve como punto de partida para esas experiencias.