A escavación arqueolóxica na Ciadella permite determinar as fases de ocupación deste campamento militar romano

Ciadella

DUVI | O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo vén de completar unha campaña de conservación-restauración do xacemento arqueolóxico da Ciadella, no concello coruñés de Sobrado, que permitiu determinar as diferentes fases de ocupación deste campamento militar romano así como sacar á luz importantes restos e pezas de cerámica. A intervención forma parte dun proxecto que arrancou o pasado mes de marzo con financiamento da Xunta de Galicia e que serviu para descubrir un gran patio, sacar á luz un novo tramo da ‘via sagularis’, identificar un gran ‘horreum’ e documentar un pórtico monumental. Para coñecer de primeira man estes avances, o xacemento foi visitado este sábado por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade.