DUVI | Os mapas de coñecemento contribúen de maneira significativa a xerar e difundir información específica sobre o cambio climático, algo que resulta fundamental para os responsables políticos subnacionais a nivel rexional ou metropolitano, por exemplo. Este é o leit motiv dun artigo publicado pola revista Climate Policy e asinado por Carlos Rodríguez-García, Adela García-Pintos, Gloria Caballero e Xosé H Vázquez, investigadores do grupo REDE, que forma parte do centro de investigación Ecobas da Universidade de Vigo.
Como explican os seus autores, os grandes acordos internacionais e o despregue de obxectivos son só un primeiro paso importante na loita contra o cambio climático. Non existe, non obstante, unha única folla de ruta que os deseñadores de políticas públicas rexionais ou locais poidan usar para abordar as particularidades dos seus territorios, equilibrar as políticas de mitigación e adaptación e ofrecer unha gobernanza transparente. “De aí a necesidade de contar cun mapa de coñecemento: unha ferramenta que, a través dun proceso de co-creación con distintos grupos de interese no que se discuten visións distintas dos problemas a abordar, logra organizar o coñecemento existente e poñer os alicerces para orientalo cara as necesidades concretas de intervención baseadas na evidencia”, como apunta Carlos Rodríguez-García.