A exposición Exxperimenta en Feminino chega este cuadrimestre a sete institutos galegos

Exposición Exxperimenta en Feminino

DUVI | Cada curso académico, a mostra itinerante Exxperimenta en Feminino achégase a centros educativos galegos co obxectivo de visibilizar mulleres destacadas na historia da ciencia, a tecnoloxía e a enxeñaría. Este cuadrimestre, son sete os centros que acollerán unha exposición que forma parte das accións postas en marcha polo colectivo Exxperimenta en Feminino, composto por profesoras e investigadoras da Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Facultade de Ciencias do campus de Ourense.

A exposición arrancou na segunda quincena de setembro no IES Cidade de Antioquia de Xinzo de Limia (Ourense) e está previsto que este cuadrimestre, ata o inicio de 2022, pase polos institutos de educación secundaria Aquis Querquernis de Bande (Ourense); Julio Prieto Nespereira (Ourense); Nº 1 de A Estrada (Pontevedra); O Couto (Ourense); Eduardo Pondal de Ponteceso (A Coruña), e Vilamarín (Ourense). En cada un destes centros permanece 15 días. O vindeiro ano a mostra continuará ata xuño o seu percorrido, estando previsto que, en total, durante o curso 2021/2022 chegue a 17 centros educativos galegos.